“Quiñón”, “augas de pilla pillota e de torna a torna”, “serventía”, “esteiro”, “petróglifo”, “choupín” ou “fungo” son palabras que teñen en común, ademais de pertencer aos ámbitos xurídico, medio ambiental e micolóxico, que reflicten un vínculo entre o coñecemento especializado e a identidade galega. Estes termos sumados a outros 26 integran o primeiro glosario Escolma de termos científicos, un mini-diccionario de vocabulario científico e técnico, unha iniciativa da Unidade de Cultura Científica e da Innovación (UCC+i) da UVigo, co obxectivo de recoller e conservar termos científicos enxebres, procedentes de distintas áreas de coñecemento e vinculados co territorio propio.
Os docentes e investigadores da UVigo Xosé Manuel Pacho, Manuel Ángel Pombal e María Cabaleiro son os autores da escolma de termos nos ámbitos do dereito, o medio ambiente e a micoloxía, respectivamente, que se corresponden coas súas áreas de investigación e que escolleron pola súa relación co territorio, a cultura, as tradicións ou a historia. “Normalizar o uso do idioma propio no ámbito educativo, facer visible o traballo investigador que se realiza na Universidade de Vigo en galego e apoiar a investigación científica nesta lingua”, son os obxectivos da publicación, segundo explicou a vicerreitora de Comunicación e Relacións Institucionais, Mónica Valderrama, no acto de presentación do volume, que tivo lugar este mañá no edificio Redeiras.
A XIV edición do curso Pensar o cinema xa está en marcha. Como cada ano, a iniciativa, que se celebra na Facultade de Dereito do campus de Ourense e a través do Campus Remoto da UVigo, mestura proxeccións, intervención de especialistas e debate arredor dun tema de actualidade e controversia. Nesta ocasión, pon o foco na representación audiovisual das mulleres como bonecas.
A dirección académica da actividade corre a cargo do seu promotor e responsable, o catedrático de Filosofía do Dereito da Universidade de Vigo Pablo Bonorino, e a coordinación recae en Claudia Robles e Teresa Roa. Polo que respecta ao seu financiamento, conta co apoio da Facultade de Dereito, a Unidade de Igualdade da Universidade de Vigo, a Xunta de Galicia e e AGAF. “As xornadas desenvólvense desde xa fai máis dunha década como un ciclo de cine, análise e debate”, explica Pablo Bonorino. Ano tras ano, nelas as e os futuros xuristas que se forman no campus de Ourense asómase a diferentes problemáticas que se abordan desde unha perspectiva crítica. En numerosas edicións teñen sido protagonistas deste ciclo problemáticas relacionadas coa cuestión de xénero, sexualidade e igualdade, como a violencia contra as mulleres ou a prostitución.
A Facultade de Dereito do campus de Ourense acolleu este xoves e venres a celebración do I Congreso Internacional de Dereito e Literatura, organizado pola Asociación Española de Derecho y Literatura (Aedel), o grupo de innovación educativa Innova Dereito e o grupo de investigación AGAF, liderados polo catedrático de Filosofía do Dereito da Universidade de Vigo Pablo Bonorino.
Con este evento arrancou a actividade de Aedel, unha asociación creada tamén no campus de Ourense o pasado ano no marco dos encontros anuais sobre este tema organizados polos citados grupos da UVigo. A entidade ten como obxectivo vertebrar a colaboración de profesorado de distintas áreas de coñecemento (vinculadas co dereito e a literatura e sumando a arte en xeral), de modo que se facilite a investigación nesta materia e desde estas perspectivas, contando xa con máis de cen socios de diversas disciplinas xurídicas pertencentes a universidades estatais.